Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Xoves, 1 de agosto, 21h
Archivo Pittoresco
Portugal
LULA PENA
A cantora portuguesa Lula Pena abre Música no Claustro 24 cun concerto no que revisita o seu disco Archivo Pittoresco, un traballo no que explora diferentes linguas atlánticas como o inglés, o francés, o castelán e o portugués, a súa lingua nai.
Lula Pena é unha artista integral que encontra na música a súa expresión, a súa linguaxe propia na que destacan as letras das súas composicións, o papel que a guitarra protagoniza nas súas cancións ou no propio concepto da súa creación. O fado é un ingrediente da súa alquimia musical nun acto íntimo no que conviven as tradicións sonoras do norte de África e da península ibérica.
Na actualidade, Lula Pena reside no Algarve nun contacto directo co mar e as plantas, onde explora o ritmo líquido e orgánico da natureza. Con ela queremos comezar esta 18ª edición de Música no Claustro na que convidamos a reflexionar sobre a catedral atlántica que nos acolle continuando o festival con outras dúas voces femininas: mañá venres, 2 de agosto, co flamenco de Laura Marchal, e o sábado, 3 de agosto, cos arrolos e cantigas galegas de Faia Díaz.
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Venres, 2 de agosto, 21h
Aceitunitas negras
Flamenco
Andalucía
LAURA MARCHAL, con
VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS
Música no Claustro acolle o debut en Galicia da cantaora Laura Marchal, quen presenta no festival un adianto do seu primeiro traballo discográfico que ten por single o tango flamenco Aceitunitas negras, unha homenaxe ao campo e as súas xentes, persoas que en diversos momentos emigraron á cidade en busca dunha oportunidade laboral. Reflexión e compromiso dun reto demográfico que tanto a Andalucía e Galicia interior e atlántica coñecen de primeira man.
Laura Marchal bebe da tradición para chegar a novos públicos co seu flamenco. As raíces culturais da súa Andalucía natal dialogan co ronsel árabe e sefardí en paralelo ao folclore musical ibérico. Marchal preséntase hoxe ao carón da guitarra de Víctor Franco e as percusións de Jesús Campos, nun concerto que chega a Música no Claustro grazas ao convenio do festival con AIE co que en 2021 tamén desfrutamos da actuación de Ángeles Toledano.
A modo de déjà vu, imaxinemos a Laura Marchal no Certamen de Cante Jondo organizado en Granada no ano 1922 por Manuel de Falla e Federico García Lorca. De ser así, posiblemente tería coñecido a John B. Trend, o hispanista británico que chegaría uns meses despois a Galicia para escribir o seu artigo The music of Spanish Galicia, o primeiro estudo en inglés sobre a música galega e que o martes, 6 de agosto, servirá de fío condutor ao concerto de Pedro Lamas, Germán Díaz e Antonio Romero Cienfuegos.
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Sábado, 3 de agosto, 21h
Maternidade
Arrolos e cantigas
Galicia
FAIA, con
BLEUENN LE FRIEC
A artista galega Faia regresa a Música no Claustro xunto coa arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha proposta específica deseñada para o festival, a medio camiño entre o anterior traballo e o que será o seu próximo disco. Arrolos, romances e outras cantigas tradicionais coas que quere dar luz ao universo silenciado da maternidade. Unha mirada feminista que reivindica o desexo, a forza do pracer, o contacto máis esencial co corpo e coa natureza propia.
Tomando como inspiración as palabras de García Lorca na súa conferencia sobre as nanas ibéricas, elas tamén queren baixar á ribeira dos xuncos e escoitar o sopro da melodía que é a emoción da historia. Onde había un recuncho escuro, poñen un reflexo de nube ovalada, unha voz que canta. Así, a través da melodía e da palabra exploran os lugares do entresoño. A denuncia latente en cada letra e cantiga, que atravesou séculos de represión e vive na memoria do corpo, toma forma musical ou é ruído; a través dela falan, porque é herdanza, un espazo necesario de acubillo e subversión.
Con Faia e Bleuenn Le Freic seguimos pensando e sentindo a catedral atlántica que habitamos, templo que nos da a benvida co seu pórtico gótico que ten coma protagonista á propia maternidade nas súas representacións iconográficas.
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Domingo, 4 de agosto, 21h
Hiru
Jazz
Entre Canarias e Galicia
TANA SANTANA QUINTETO
O compositor e contrabaixista canario Tana Santana presenta en Música no Claustro o disco HIRU, o seu terceiro traballo discográfico. Composicións orixinais que canalizan a tradición e a improvisación do jazz a través de músicas tan dispares como o propio jazz, o rock, o pop ou a música folclórica canaria. En HIRU, Tana Santana desenvolve un concepto musical que trata de esquecer os límites estilísticos co obxectivo de buscar unha identidade que redefina o jazz dende o prisma da cultural popular actual.
Grazas ao convenio con AIE, Tana Santana chega ao festival ao carón de destacados nomes do jazz estatal, músicos que ao mesmo tempo o acompañaron no proceso de gravación do disco: o saxofonista abulense Roberto Nieva e o batería barcelonés David Xirgu, xunto aos galegos Xan Campos no piano e Virxilio da Silva na guitarra.
Hoxe, deixemos voar a imaxinación: atracamos no porto de Las Palmas de Gran Canaria e paseamos pola rúa Triana que conecta o barrio de Vegueta, coa súa característica arquitectura colonial, coa praza de san Telmo, testemuña do legado atlántico que une a Tui con Canarias.
Artesanía en Familia son obradoiros deseñados para que as familias participen xuntas en actividades artesanais. Isto non só axuda a fomentar a corresponsabilidade e a igualdade de xénero, senón que tamén permite ás familias gozar de tempo de calidade e desenvolver novas habilidades.
ESTAMPAXE CREATIVA
Luns, 5 de agosto,
Grupo 10h30 PRAZAS COMPLETAS
Grupo 11h45 PRAZAS COMPLETAS
Grupo 13h PRAZAS COMPLETAS
Construción dun selo e estampaxe creativa en caderno e libretiña de sementes. Baixo o lema Catedral Atlántica da 18º edición de Música no Claustro, as persoas participantes traballarán motivos do mar, do río e da vexetación autóctona, integrando o pórtico da Catedral. Cada persoa levará o seu selo, o caderno e a libretiña de sementes que poderán plantar na súa casa. Todos os selos están montados sobre madeira e feitos de forma artesanal.
CONSTRUCIÓN DE PANDEIRETA
PRAZAS COMPLETAS
Martes, 6 de agosto. Obradoiro de 8 horas de duración: de 10h a 14h e 16h a 20h
Construción dunha pandeireta a partir dunha peneira, como se facía antigamente, co artesán O Reberete. As persoas incritas empregarán latas de aceite ou conserva para facer as ferreñas manualmente, para logo colocalas con arame no bastidor. Farán costura coa pel que despois colocarán co mesmo ariño da peneira.
OBRADOIRO MUSICAL DE INICIACIÓN Á PANDEIRETA
PRAZAS COMPLETAS
Mércores, 7 de agosto. Obradoiro de 2 horas de duración: de 11h a 13h
Uxía Diz impartirá un obradoiro de iniciación de pandeireta onde as persoas poderán achegarse ao son deste instrumento tradicional de Galicia. Ademáis das persoas que estiveron a traballar no obradoiro de construción, esta clase está pensada para acoller a outras persoas interesadas en dar os seus primeiros pasos coa pandeireta.
Artesanía en familia é unha actividade impulsada polo Concello de Tui, promovida polas subvencións a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade. SI436A - Programa Plan Corresponsables no ámbito local. Dirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Luns, 5 de agosto, 21h
Pre-estrea discográfica
Da Kali
Mali
TRIO DA KALI
Música no Claustro acolle o primeiro concerto do novo disco do Trio da Kali, unha publicación baixo a produción de Lucy Durán que sairá ao mercado a finais de 2024 en Remote Records. Hawa Kasse Mady Diabaté, Fodé Lassana Diabaté e Madou Kouyaté proveñen de célebres familias griots e creceron na profunda tradición cultural que se remonta á era precolonial do gran imperio de Mali. Con esta bagaxe natural, o Trio da Kali busca o equilibrio entre a antiga tradición, que é transmitida de forma oral de xeración a xeración dende os séculos XII e XIII, coa introdución de novos elementos e cancións no seu repertorio e estilo.
Neste novo traballo discográfico, o primeiro en solitario da formación, desfrutaremos de cancións coma Orpaillage, na que se advirte dos perigos da extracción informal de ouro e a contaminación que provoca nos ríos e a morte dos cativos. Por outra banda, Nana Triban, rinde homenaxe ao papel que Nana Triban, irmá de Sunjata Keita (fundador do imperio de Mali en 1235) tivo na derrota do rei usurpador Sumaworo, permitindo así a Sunjata gañar a batalla e crear o imperio. Por último, Deme (axuda!) é unha canción fascinante e poderosa sobre as elegantes e coloridas festas que se celebran nas súas de Bamako, capital de Mali dende a que chega o Trio da Kali, para celebrar os matrimonios e outros eventos do ciclo da vida, celebracións que están ameazadas actualmente polo Islam fundamentalista.
O Trio da Kali naceu en 2012 para colaborar co famoso Kronos Quartet na gravación do disco Ladilika, un multipremiado traballo que escoitamos en Galicia no ano 2021 xunto á Real Filharmonía, baixo a batuta de Paul Daniel, no festival Maré. Hoxe celebramos acoller novamente ao Trio da Kali en Galicia, co fito desta estrea dun disco virtuoso e dinámico baseado na herdanza musical da costa noroeste do continente africano, latitude atlántica á que regresamos despois do concerto de Ballaké Sissoko e a conferencia de Lucy Durán en Música no Claustro 23.
Inscrición a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Número de prazas: 50 persoas.. Prezo xeral: 30 € / Prezo reducido para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: 20 €.
Despois de cubrir o formulario de inscrición, a persoa interesada recibirá un correo coa conta bancaria da Fundación Pública Artesanía de Galicia para o pagamento e a emisión da factura correspondente.
HORARIO
Martes, 6 de agosto
9h30 ▪︎◼︎ Café de benvida
10h ▪︎◼︎ Encontro de encontros: mesa redonda participativa
11h30 ▪︎◼︎ Madou Kouyaté e Fodé Lassana Diabaté: a construción do ngoni e o balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot.
12h15 ▪︎◼︎ Pausa e intercambio de contactos profesionais.
12h45 ▪︎◼︎ Eva Moreda, catedrática de musicoloxía na Universidade de Glasgow: música e son na experiencia de Galicia dos viaxeiros británicos.
13h30 ▪︎◼︎ Rosa Sánchez e Pablo Carpintero: as gaitas de fol na provincia de Pontevedra.
14h30 ▪︎◼︎ Xantar
16h30 a 19h ▪︎◼︎ Showroom de instrumentos musicais.
O festival Música no Claustro® convoca o martes 6 de agosto, na Catedral de Tui, a cuarta edición do foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS®. Coma principais novidades, destaca a convocatoria dunha mesa redonda participativa Encontro de Encontros co obxectivo de mapear e coñecer a realidade e proxección dos eventos vencellados aos instrumentos musicais en Galicia ou outros puntos da península Ibérica para convivir nun ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro, e a organización dun showroom de instrumentos musicais. Para ambas actividades convócase á participación de profesionais da construción dos instrumentos musicais, da xestión cultural, así como a músicas e músicos que queiran coñecer as novidades máis recentes dos luthieres participantes.
RESONANCIAS é unha iniciativa da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia no marco do festival Música no Claustro, baixo o comisariado de Samuel Diz, que ten por misión ser un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, as investigacións de musicoloxía ou iconografía e historia da arte, a xestión de coleccións en museos, e outras profesións técnicas vencelladas ao sector.
Nesta ocasión, os músicos e artesáns malienses ;Madou Kouyaté e ;Fodé Lassana Diabaté, integrantes do Trio da Kali, abren o foco das persoas asistentes cara o continente africano compartindo o valor social e as características de construción do ngoni e o balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot.
En paralelo, RESONANCIAS 24 rescata o estudo "Music in Spanish Galicia" do hispanista británico J. B. Trend publicado na revista Music & Letters no ano 1924. Un artigo case descoñecido na actualidade e que poderiamos considerar como a semente da difusión da música galega entre o público anglosaxón. Santiago de Compostela, Noia, Pontevedra ou Vigo foron algunhas das localidades nas que Trend desenvolveu o seu traballo de campo, ao que agora sumamos a súa estancia en Tui grazas a unha carta que enviou ao musicólogo Edward J. Dent na que detalla polo miúdo a súa experiencia con Santiago Tafall, mestre de capela da Catedral de Santiago, ou ao coñecemento da música e os instrumentos tradicionais ao carón de Perfecto Feijóo. Cen anos despois, rescatamos de forma poliédrica este texto a partir da visión académica de Eva Moreda, catedrática de Musicoloxía na Universidade de Glasgow; as investigacións das gaitas de fol na provincia de Pontevedra, realizadas por Rosa Sánchez e Pablo Carpintero; xunto á revisión e creación musical do gaiteiro, saxofonista e compositor Pedro Lamas, quen ofrecerá un concerto ao carón do zanfonista Germán Díaz e o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos como peche desta cuarta edición de RESONANCIAS, grazas á colaboración da Dirección Xeral de Cultural da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Tui.
ENCONTRO DE ENCONTROS
Os instrumentos musicais son dinamizadores de eventos de diversas tipoloxías. Artefactos que conservan as tradicións dos pobos e ao mesmo tempo impulsan o desenvolvemento profesional de diferentes sectores. Nesta ocasión, RESONANCIAS 24 convoca á participación nunha ampla mesa redonda ás feiras, encontros, xornadas ou festivais que xiran en torno aos instrumentos musicais, co obxectivo de mapear e coñecer a realidade e proxección de cada evento para convivir no ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro. A actividade está moderada polo xestor cultural Sergio Lago (Ben Curiosa), co-director do posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC.
A organización ofrece unha axuda de gastos de desprazamento para aqueles eventos que cheguen dende fóra da provincia de Pontevedra, ata un máximo de oito eventos.
SHOWROOM DE INSTRUMENTOS MUSICAIS
O festival Música no Claustro impulsa o diálogo entre a construción dos instrumentos musicais e a súa interpretación. Unha relación simbiótica, cultural e comercial entre artesáns e artesás con músicas e músicos que nesta edición de RESONANCIAS 24 terá o seu protagonismo propio na tarde do martes 6 de agosto.
A organización convoca á participación de construtores e intérpretes de gaitas, zanfonas, percusións, guitarras, arpas e instrumentos de música antiga ou de arco, e garantiza un espazo propio e privado para poder coñecer en pequenos grupos de traballo, de forma práctica, as novidades máis recentes ou os instrumentos máis representativos de cada obradoiro.
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Martes, 6 de agosto, 21h
The music of Galicia (1924): o papel de J.B. Trend
Música medieval e tradicional, jazz
Galicia
PEDRO LAMAS, con
GERMÁN DÍAZ e ANTONIO ROMERO CIENFUEGOS
Este concerto é o resultado dunha investigación e residencia artística do compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas en Música no Claustro 24. Un proxecto creado para a ocasión que abraza as tres liñas principais do festival: música, patrimonio e creación. Ao carón de Lamas, participan neste concerto o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz, quen xa nos deixou marabillosos momentos no claustro da Catedral de Tui co seu Método cardiofónico ou a estrea das 13 cancións bonitas xunto a Benxamín Otero. Hoxe, Lamas, Díaz e Romero Cienfuegos revisitan e reintepretan, dende a súa óptica actual e persoal, o artigo "The Music of Spanish Galicia" do hispanista británico John B. Trend.
Este texto foi publicado en 1924 na vixente revista "Music & Letters" da Universidade de Oxford. A pesar de ser un documento valiosísimo, tanto polo seu contido coma por abrir a difusión da música galega a un público anglosaxón, de forma inexplicable pasou desapercibido en Galicia para moitas xeracións. Nel abondan as referencias aos principais manuscritos e códices medievais, achegando a notación musical de diferentes exemplos e incluíndo tamén diversos cantos e melodías propios da música de transmisión oral. Os exemplos da música profana e relixiosa discorren en paralelo (o Códice de Ruiz de Azagra, o Códice de Fernando I, o Códice Calixtino, as Cantigas de Santa María ou as Cantigas de Martín Códax) xunto as referencias ao cóengo Santiago Tafall ou ao gaiteiro Perfecto Feijóo, con quen Trend compartiu experiencias e coñecementos en Santiago de Compostela e Pontevedra respectivamente.
Por outra banda, en agosto de 1924 falecía en Vixoi (Bergondo, A Coruña) o intelectual galeguista Xohán Vicente Viqueira. Contaba con tan só 37 anos e sabemos que leu o texto de J.B. Trend Trend. Como o sabemos? Pois en abril de 1925, de forma póstuma, a revista "Alfar" publicaba a súa tradución ao castelán.
Desta forma, co apoio da Deputación de Pontevedra e da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia, este concerto conmemora unha celebración dupla: o centenario dunha publicación académica da historia da música galega alén da nosa terra e o centenario do pasamento dun dos persoeiros máis relevantes da nosa cultura. E por que en Tui, por que no festival Música no Claustro? A resposta atópase en Cambridge, nunha carta inédita conservada no arquivo central do King's College que Trend escribiu ao musicólogo Edward J. Dent o 11 de outubro de 1922 dende o Gran café Español de Lugo. Nela, Trend non só comparte as súas experiencias neste traballo de campo do que nacería este artigo, senón que transmite as súas sensacións nunha estancia en Tui, na que cruza a ponte internacional para desfrutar dun paseo por Valença do Minho, e na que menciona que [Richard] Ford, by the way, has missed a glorious opportunity at Tuy describing the wooden door of the Cathedral, ao que Trend suma un paralelismo das arquivoltas do templo coa música de Scarlatti.
En paralelo a esta conmemoración, Música no Claustro 24 suma un acordo de intercambio académico coa Universidade de Glasgow co que damos a benvida á Catedrática de musicoloxía Eva Moreda, quen realiza unha residencia de investigación durante o festival dedicada á música e son na experiencia de Galicia nos viaxeiros británicos tomando como epicentro a figura de John B. Trend.
Música e son en Galicia na experiencia dos viaxeiros británicos
Universidade de Glasgow
MUSICÓLOGA EN RESIDENCIA
Eva Moreda é catedrática de Musicoloxía na Universidade de Glasgow. Galega de nacemento e británica de adopción, unha das súas inquedanzas é a ponte entre estas terras atlánticas.
Neste intercambio académico, Eva Moreda dá en Tui os primeiros pasos dunha investigación dedicada á paisaxe sonora histórica (historial soundscape). O seu obxecto de estudo céntrase na música e son en Galicia dos viaxeiros británicos, dende os perfís turísticos sen ningún afán musicolóxico ata a testemuña do hispanista J.B. Trend, quen reflexou no seu artigo The music in Spanish Galicia (Music & Letters, 1924) a súa experiencia na viaxe por terras galegas en 1922. E esta estancia de investigación retroaliméntase na convivencia de Eva Moreda durante o festival con artistas, públicos e outras persoas que chegan a Tui neste intre, ano 2024.
Eva Moreda compaxina os seus traballos musicolóxicos con creacións literarias en lingua galega. Mentres que no ámbito académico as súas publicacións céntranse na música española durante o Franquismo e no exilio, así como na historia temperá das tecnoloxías de gravación, no campo novelístico recomendamos as súas últimas novelas Para toda a vida (Aira, 2020) e Rapazas de Polar (Morgante, 2021).
Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Mércores, 7 de agosto, 21h
Obras de Purcell, Mendelssohn, Mozart e María Teresa Prieto
Música de cámara
Suiza
MOSER STRING QUARTET
Música no Claustro 24 remata ao carón do Moser String Quartet, unha formación de música de cámara cunha proxección internacional pese a xuventude das súas integrantes. Teñen actuado nos continentes europeo, americano e asiático, e recibido diversos recoñecementos, nos que destaca o Premio Especial "Ambassador Ensemble" do Osaka International Chamber Music Competition en 2023, ao que se une na presente tempada a residencia artística no ProQuartet Centre Européen de Musique de Chambre en París ou a xira AIE Clásicos no estado español a través da que chegan á Catedral de Tui.
Moser String Quartet está formado polas violinistas xaponesa Kanon Miyashita e a española Patricia Muro, xunto á violista española Ariadna Bataller (neste concerto substituída pola francesa Élise Hiron) e a violonchelista italiana Lea Galasso. Nesta diversidade de nacionalidades e orixes cardinais, o punto de encontro das integrantes é a academia suíza Hochschule für Musik Basel.
Neste concerto, Moser String Quartet interpreta obras de Purcell, Mozart e Mendelssohn, ao que se une o Cuarteto modal da asturiana María Teresa Prieto (1895-1982), unha obra estudada en profundidade pola musicóloga Tania Perón Pérez na súa tese de doutoramento dedicada á compositora cuxo legado se conserva en México, país no que se refuxiou en 1936 tras o inicio da Guerra Civil.
Con esta formación canónica da música clásica europea finalizamos Música no Claustro 24, coa gratitude de todas as experiencias, encontros e músicas atlánticas vividas ao longo destes sete días. O apoio ás novas xeracións foi a semente botada por don Ricardo en 2005 e despois de 18 edicións, este compromiso segue máis vivo ca nunca deixando un legado real como o recente disco Ecos de Breogán (Poliédrica 2023) de Iria Folgado, un proxecto que naceu do estreito traballo realizado coa oboísta galega como artista residente de Música no Claustro entre 2021 e 2023, proceso no que recibiu o apoio á creación de INJUVE e o premio Talento Mozo da Xunta de Galicia.
PROGRAMA
Henry Purcell (Londres, 1659 - 1695)
Fantasía no. 11, en Sol Mayor, Z. 742
Wolfgang Amadeus Mozart (Salzburgo 1756 - Viena 1791)
Cuarteto K. 387, no. 14, en Sol Mayor "A Primavera”
I.- Allegro vivace assai
II.- Menuetto. Allegro
III.- Andante cantabile
IV.- Molto Allegro
María Teresa Prieto (Oviedo 1895 - Cidade de México 1982)
Cuarteto modal
I.- Adagio (Dórico)
II.- Scherzo Allegretto (Lidio)
III.- Andante Espressivo (Eólico)
IV.- Fuga. Allegro non troppo (Jónico)
Felix Mendelssohn Bartholdy (Hamburgo 1809 - Leipzig 1847)
Música no Claustro 24, 1 ao 7 de agosto. Os concertos son de entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa de entrada. Apertura de portas 20h45.
Arquivo verde 2005-2023
O festival Música no Claustro pon a disposición da comunidade investigadora a documentación xerada no festival dende o ano 2005 para o seu estudo e difusión a un público xenérico e/ou especializado. Un arquivo verde dixital con máis de 8.000 referencias en 17 edicións. Preme para obter máis información
Música no claustro Festival de música, patrimonio e creación
Catedral de Tui. Praza de San Fernando s/n 36700 Tui (Pontevedra, Galicia - España)
contacto@musicanoclaustro.com