Obradoiro de bordado sobre fotografía con Minia Banet (Variopinto)



2 e 3 de agosto, de 16h a 20h
Claustro da Catedral de Tui
10 participantes baixo inscrición previa


MINIA BANET (VARIOPINTO)
Obradoiro de bordado sobre fotografía

--------------

Neste obradoiro aprenderase a bordar elementos do claustro da catedral e o conxunto monumental de Tui sobre unha fotografía dos mesmos. Mediante puntos planos e puntos de relevo crearase un bastidor cheo de cor e textura. Non son necesarios coñecementos previos, xa que o obradoiro adáptase tanto a principiantes como a avanzados. Ao finalizar o curso, os asistentes terán unha peza orixinal rematada nun bastidor e lista para decorar unha parede.

Todos os materiais están incluidos coa inscrición, agás as tesoiras, que as deberá aportar cada asistente. Xunto á bolsa que recibirá cada participante con utensilios de uso propio, este obradoiro seguirá as medidas e protocolos hixiénico-sanitarios frente a Covid-19.

O bordado sobre imaxe non é unha novidade na Catedral de Tui. Convidamos aos asistentes a visitar o Museo Catedralicio, onde poderán descubrir o medallón da Cofradía dos Músicos da Catedral, datado no ano 1747.

Minia é unha amante da fotografía, do bordado, do gancho e dos gatos, que chega a Música no claustro desde Santiago de Compostela. Grazas ao diálogo creado entre estas disciplinas no seu estudo Variopinto, recentemente recibiu a Bolsa Eloy Gesto de Artesanía de Galicia, premio que recoñece os novos talentos do sector galego e apoia a súa profesionalización. Con esta bolsa, Minia profundizará nos seus coñecementos e técnicas de bordado de alta costura na Ecole Lesage de París. 

Recibimos a Minia en Música no claustro grazas ao compromiso e apoio de Artesanía de Galicia durante cinco edicións co festival, sumándose o seu obradoiro aos impartidos anteriormente por Susi Gesto (ourivería), Xaneco (construción de instrumentos de música tradicional), Idoia Cuesta (cestería contemporánea), Verónica Moar (cerámica) e Miguel Ángel Tapia, imaxineiro castelá que chegou en diálogo co Centro Rexional de Artesanía de Castela e León-CEARCAL.