A Catedral de Tui, anfitrioa no Early Music of the Americas, festival de música antiga de Nova York




A Catedral de Tui é protagonista na serie de concertos Early Music of the Americas, producida por GEMAS de Nova York, co concerto "Huehuetenango. Music from an interrupted book” de Jonatan Alvarado e Ariel Abramovich, emitido o 10 de xuño de 2021.


Música no claustro coordina esta nova produción audiovisual que mostra un repertorio e un lugar moi pouco coñecidos: un conxunto de cancioneiros manuscritos compilados entre 1582 e 1635 en Huehuetenango (Guatemala) e a capela románica de San Vicente da Catedral de Tui.





O lugar elexido para realizar esta gravación é unha das capelas máis descoñecidas polo público e historiadores. O tenor Jonatan Alvarado descubriu este espazo na súa estancia en Tui en 2018, cando presentou o seu disco "Pajarillos fujitivos" en Música no claustro. Fascinado polos valeiros na historia e a excepcional acústica da Capela de San Vicente, Alvarado elexiu esta arquitectura para responder ao convite desta serie de concertos estadounidense dedicada á música antiga das Américas.


A este concerto, de título “Huehuetenango. Music from an interrupted book”, súmase o músico Ariel Abramovich, un dos intérpretes máis destacados de viola de man, instrumento capital da música española no século XVI, cuxa sonoridade pode descubrirse neste programa estructurado en tres bloques, dedicado o primeiro á música litúrxica para a Misa e o Oficio, que comeza con “Virgen Madre de Dios”, un segundo cos motetes “Paratum cor meum” e “O bone Jesu”, e un terceiro bloque formado por catro villancicos e o Romance “Dame acojida” que pecha esta gravación. Unha escolma ecléctica que combina obras de orixe guatemalteca con outras foráneas de envergadura e funcións diversas, tal e como se alternan nos cancioneiros. En palabras de Jonatan Alvarado “a nosa intención é revelar as invisibles liñas que unen o gusto estético e o universo sonoro desta comunidade, o que compoñían, dende logo, pero tamén o que lles gustaba cantar”.


A aposta de Música no claustro pola difusión dos espazos máis descoñecidos do conxunto catedralicio comezou en 2013 coa gravación do proxecto “A Rosa d'Adina” realizada por aCadaCanto nos xardíns da Catedral. Esta nova produción, impulsada por Gotham Early Music Scene e Americas Society-Council of the Americas, foi gravada o pasado mes de maio por un equipo de profesionais galegos en coordinación por Música no claustro e o Cabido da Catedral de Tui, ao abeiro económico da MetLife Foundation e do New York City Department of Cultural Affeirs.






O Repertorio: os cancioneiros compilados entre 1582 e 1635 en Huehuetenango (Guatemala)


A Biblioteca da Universidade de Indiana (Estados Unidos) conserva nos seus fondos de música latinoamericana unha colección composta por 15 tomos e fragmentos de música polifónica e canto gregoriano que proceden do actual Departamento de Huehuetenango, en Guatemala. Estes raros libros, recompilados entre 1582 e 1635, son unha particular testemuña da práctica musical que chegou dende Europa a esta comunidade, rodeada polas serras máis altas de América Central, e por tanto, alonxada dos grandes centros urbanos coloniais, coas súas impoñentes catedrais, coros e escritorios. Nestes manuscritos musicais atópase música habitual de mediados do século XVI en España, Francia e Italia, como misas, salmos polifónicos, himnos e respostas breves para celebracións diversas. En paralelo, aparecen un gran número de villancicos, chansons parisinas e madrigais florentinos.


O Lugar: a capela románica de San Vicente da Catedral de Tui


Na tribuna norte da Catedral atópase unha capela románica, que data do século XIII. O seu nome e posibles usos responden a diferentes teorías actuais de investigación. A historiadora Carmen Manso Porto defende que se trata da “Capela de San Vicente”. Segundo a súa tese, a finalidade orixinal desta capela estaba vinculada coa música, onde se cantarían diariamente vésperas, matutinas e misas polas almas dos reis de Castela e León Fernando III, a súa dona Beatriz, e polos bispos da sé tudense. A capela sitúase nun dos lugares máis recollidos do templo. Destacan os seus arcos románicos de medio punto e as columnas con capiteis e basas decoradas que deixan entrever a evolución arquitectónica que viviu este espazo ao longo do tempo, hoxe en desuso.


FICHA TÉCNICA: 

Duración: 40 min. 

Data de gravación: 20 de maio de 2021

Localización: Capela románica de San Vicente, S.I. Catedral de Tui


Equipo técnico:

Gus Abreu – Gravación e edición de vídeo

Isaac Palacín – Gravación, edición e mesturas de audio

Daniel Abalo – Deseño de luces

Beatriz Fontán - Produción

Samuel Diz – Coordinación


Equipo artístico:

Jonatan Alvarado – Voz

Ariel Abramovich – Viola de man


Programa do concerto:


I. Música litúrxica para a Misa e o Oficio

1. Virgen Madre de Dios Ms. 7, f. 5r (only alto and bass preserved)

2. Pleni sunt da Misa sine nomine Ms. 1, ff. 14v - 15r

3. Antifona Ad Magnificat: ‘Gloriose Virginis’ Antifonario 13 f. 7v Magnificat 8 toni Ms. 2, ff. 15v - 17r

4. Benedicamus Domino Ms. 3, ff. 33v - 34r Ms. 5, f. 23v; ff. 31v - 32r Deo Gratias 8/26 Based on Ms. 8, ff. 27v - 28r


II. O manuscrito núm. 8 e a súa colección de Motetes

5. Paratum cor meum (‘Le content est riche’) [Claudin de Sermissy] Ms. 8, ff. 48v - 49r

6. Pater Noster Ms. 8, ff. 61v - 62r

7. O bone Jesu [Juan de Anchieta] Ms. 8, ff. 58v - 59r


III. Four Villancicos and one Romance

8. ¿Con qué la lavaré? ‘Morraleos’ [Juan Vasquez] Ms. 8, ff. 51v - 52r

9. Mulier quit ploras [‘Puse mis amores en Fernandillo’] [Juan Vasquez] Ms. 8, ff. 21v - 22r

10. Acorranaternum Based on Ms. 2, ff. 7v - 8r Text by Juan del Encina

11. Romance [De Antequera sale el moro] Ms. 2, ff. 1v - 2r

12. Dame acojida Ms. 4, ff. 21v - 22r Copla from the Cancioneiro de Belem, ff. 66v; Daza, ‘El Parnaso’, f. 96v - 97r


* Todos as edicións foron realizadas por Jonatan Alvarado, excepto # 2. por Richard O. Garven; e # 3. por Paul Borg.

* Todas as tablaturas son de Ariel Abramovich, except # 12 de ‘El Parnaso’, por Daza.






HEMEROTECA: 


Faro de Vigo: La catedral de Tui, anfitriona en el festival de música antigua de Nueva York (11/06/2021)


La Voz de Galicia: Música que viaxa de Guatemala a Nova York pasando por Tui (11/06/2021)


Mundo Clásico: Music of the Americas: Huehuetenango (11/06/2021)


Scherzo: Huehuetenango, músicas de un cancionero interrumpido (13/06/2021)


El Correo Gallego: Cancioneros de Huehuetenango (Guatemala), en la Catedral de Tui , por Jonathan Alvarado y Ariel Abramovich (15/06/2021)