Nova edición de Música no claustro, do 1 ao 7 de agosto de 2021 na Catedral de Tui



Con ilusión anunciamos as datas da 15ª edición de Música no claustro, festival de música, patrimonio e creación na Catedral de Tui. Será do sábado 1 do domingo 7 de agosto.

Esta nova edición rompe co concepto bienal anunciado, cuxa orixe residía nas obras de rehabilitación do palacio episcopal tudense que se desenvolveron no ano 2017. Esa pausa obrigatoria permitiunos organizar un festival con reflexión e novos retos que se materializaron no verán de 2018 na sede compartida da Catedral de Tui e o Museo Nacional de Escultura. O aumento da calidade e singularidade artística, o crecemento da afluencia e vivencias dos públicos, e a proxección exponencial con respecto a edicións previas, animounos a apostar pola organización cada dous anos. Ademáis, este carácter bienal sumaba á sostenibilidade das axendas do equipo e, a nivel persoal, coa miña actividade profesional artística que no ano 2019 se centrou nunha ampla xira de concertos e investigación no continente americano, e na recuperación e divulgación dun instrumento histórico, a guitarra orixinal de Federico García Lorca.

Encarabamos 2020 cunha edición de grandes expectativas, con artistas internacionais e o apoio de novas institucións. A COVID-19 paralizou todos eses proxectos, que quedaron no ar debido ás incertezas e á imposibilidade de realizar viaxes transoceánicas. Neste novo paradigma, redeseñamos unha edición totalmente diferente ao previsto, cunha redución orzamentaria e co deseño dun programa narrativo vencellado ás manifestacións artísticas das pandemias ao longo da historia. O reto principal era convertir o claustro gótico da Catedral de Tui nun lugar seguro frente á pandemia. Fomos o primeiro festival celebrado no concello nesta nova situación e os resultados foron positivos.

Hoxe, o mundo empresarial denomina a esta nova etapa como entornos “VICA”, caracterizados pola Volatilidade, Incertidume, Complexidade e Ambigüedade na que vivimos. En contra, no claustro gótico da Catedral de Tui descansan séculos de historia, manifestacións artísticas e vivencias sociais interculturais. Facendo realidade o oxímorom de “patrimonio contemporáneo”, regresamos neste ano 2021 cun programa cheo de propostas artísticas de calidade e innovación, con proxectos creados en diferentes residencias artísticas na Catedral de Tui e un foro profesional que anunciaremos próximamente.

Manifestamos o noso agradecemento ao Cabido da Catedral de Tui por seguir confiando no festival, así como á Concellaría de Cultura do Concello de Tui, á Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes AIE, á Fundación Pública Artesanía de Galicia e á Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, institucións que renovan o seu apoio e colaboración para esta 15ª edición de Música no claustro.

Esperamos que nesta ledicia compartida, reservedes a vosa axenda do 1 ao 7 de agosto para esta cita que fará resoar novamente o claustro gótico da Catedral de Tui.

Samuel Diz
Director artístico