Mércores, 4 de agosto (21.30 h)
Claustro da Catedral de Tui
Aforamento reducido 120 localidades gratuítas.
* Por orde de chegada ao concerto (30 localidades)
BEGOÑA RIOBÓ e ANXO PINTOS
Pärbo: Méunimo
En anteriores concertos de Música no claustro era habitual atopar entre o público a Begoña Riobó e a Anxo Pintos. Dous nomes capitais da música galega que mostran un aprecio especial ao festival e a quenes ofrecemos a segunda carta branca de creación desta edición. Un convite ao que responderon co concepto de «músicas seminúas de trazabilidade próxima para unha experiencia receptora de corpo aberto á distancia mínima posible» baixo o título de MÉUNIMO.
En paralelo a súa actividade pedagóxica na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD, dende o ano 2019 Begoña Riobó e Anxo Pintos canalizan, en boa medida, a súa actividade escénica e musical no dúo PÄRBO. Un ensemble exiguo, para músicas contempo-devanceiras, que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia. Según Riobó e Pintos, esa pescuda do repertorio tradicional «non nos impide buscar tratamentos e facer procuras osmóticas noutras leiras estéticas para asinarmos acabados sonoros de dixestión contemporánea».
Este concerto enmárcase no Foro profesional de Instrumentos musicais #Resonancias apoiado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. Un encontro de artesáns e artistas que ten por obxectivo tratar aos instrumentos musicais e aos oficios como elementos de identidade cultural e oportunidade de mercado. Nesta relación simbiótica, entre intérpretes e instrumentos, descubrimos no claustro gótico da Catedral de Tui o son dos violíns de José Catoira ou o novo punteiro grave de gaita desenvolto por Xosé Manuel Gil e Antón Corral.
Vídeo e fotografías © Gus Abreu