© Gore Vázquez
Música, patrimonio e creación son as tres constantes vitais dun programa feito a medida no que o pasado e o futuro dialogan, durante sete días, no único claustro medieval das catedrais galegas. Unha edición que ten por trama narrativa aos propios instrumentos musicais e o seu legado cultural baixo o leitmotiv #resonancias.
Programa de concertos
O programa de concertos de Música no claustro 2021 arranca cunha carta branca á oboísta galega Iria Folgado Dopico, solista da Konzerthaus Orchester Berlin. Unha residencia artística no festival xunto a Cristina Cordero (viola), Montserrat Egea (violoncello) e a tudense Sara Areal (violín) na que interpretan obras de Mozart, Britten e do compositor compostelán Fernando Buide del Real. Historicamente o óboe formaba parte da orquestra da Catedral de Tui, tal e como podemos descubrir nos instrumentos conservados no museo do templo ou no raro exemplar iconográfico do retablo barroco da Expectación.
Os conflictos e desafíos actuais están presentes na poesía do asturiano Fernando Beltrán,
poeta e nomeador referente da súa xeración. Un recital no que inclúe poemas do seu último libro “La curación del mundo”, fermosa e apaixonada procura da luz tras a súa experiencia como doente grave da COVID. Incansable buscador de palabras, a voz de Fernando Beltrán desperta as resonancias máis profundas dos instrumentos musicais nun encontro único e provocado coa improvisación libre do contrabaixista galego Saúl Puga.
Ofrecemos unha segunda carta branca de creación a Begoña Riobó e Anxo Pintos, dous nomes capitais da música galega que conforman o dúo PÄRBO. Un ensemble que toma ao cancioneiro popular galego como base de creación da música folk de vangarda. Ademais, este concerto enmárcase no Foro profesional de Instrumentos musicais, principal novidade da décimo quinta edición de Música no claustro.
A Catedral de Tui custodia un dos principais instrumentos do patrimonio cultural galego: o órgano de Gerhard Grenzing, instalado en 1995 dentro do monumental moble histórico do século XVIII. Despois de 25 anos nos que se realizaron puntuais tarefas de mantemento, o Cabido da S.I. Catedral de Tui acaba de acometer unha limpeza profunda do órgano. Realizado polo propio obradoiro de Grenzing, este proceso favorece a conservación do instrumento para as xeracións futuras. Para celebralo, Música no claustro convidou ao músico italiano Davide Bucci a unha residencia artística de nove días na Catedral de Tui que finaliza con este concerto. Organista polo Pontificio Istituto di Musica Sacra do Vaticano, Davide Bucci chega a Tui con partituras Cabezón, Zipoli, Bach e Mendelssohn na súa equipaxe. O repertorio final do recital é o resultado do seu encontro co órgano, en paralelo á indagación no legado musical do arquivo catedralicio, partituras históricas sobre as que crea unha improvisación ex professo coa que remata a exploración das resonancias pétreas do templo.
A entrada aos concertos é gratuíta grazas ao apoio do Concello de Tui e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Cultura, institucións ás que se suma a Sociedad de Artistas AIE. Por cuarta edición consecutiva AIE renova o seu respaldo a Música no claustro pola coherencia coa esencia inicial do festival, o compromiso coas novas xeracións e talentos musicais. Tres concertos a cargo de Serendipia Ensemble, grupo de música antiga conformado por frautas de bico e percusións históricas; a estrea do novo disco da artista indie Chloé Bird, producido polo músico galego Pablo Lesuit; e o concerto de Ángeles Toledano, unha das cantaoras máis destacadas da nova escena, que nos achega por primeira vez o flamenco ao festival, música declarada pola UNESCO Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
Catedral nocturna
Os días 4, 5 e 6 de agosto, ao finalizar os concertos, a Catedral abre excepcionalmente as súas portas en horario nocturno, nun percorrido artístico guiado pola historiadora da arte Sara Quintana. Unha experiencia única na que a atención está posta na iconografía musical das caixas barrocas do órgano, da capela das reliquias de San Telmo ou do retablo da Expectación, onde unha orquestra de querubíns acompaña á gaita do pobo recibindo ao neno Xesús.
Foro profesional de Instrumentos musicais
Grazas ao crecemento exponencial do apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia, a grande novidade de Música no claustro 2021 é o Foro profesional de Instrumentos musicais. Un amplo progama de presentacións, mesas redondas e conversas que ten por obxectivo principal a profesionalización e divulgación dos oficios artesanais no horizonte da Axenda 2030.
O Foro reúne en Tui a 60 profesionais da construción de instrumentos, do estudo académico, da xestión cultural e museolóxica, así como artistas e outras persoas expertas de ámbitos intersectoriais. Un encontro no que os instrumentos son tratados dende unha perspectiva interdisciplinar e patrimonial, pondo a atención na innovación das técnicas de construción, de restauración e de conservación preventiva, así coma a súa divulgación nas coleccións museísticas.
Ao Foro profesional de Instrumentos musicais súmase o respaldo do Gremio de Luthieres y Arqueros de España (GLAE), da asociación Instrumenta e da empresa Guitarras José Ramírez. Dende o ámbito institucional público, o Museo de Pontevedra e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia adhiren a súa colaboración, xunto coa Subdirección General de Gestión y Coordinación de los Bienes Culturales do Ministerio de Cultura y Deporte.
O Foro reúne en Tui a 60 profesionais da construción de instrumentos, do estudo académico, da xestión cultural e museolóxica, así como artistas e outras persoas expertas de ámbitos intersectoriais. Un encontro no que os instrumentos son tratados dende unha perspectiva interdisciplinar e patrimonial, pondo a atención na innovación das técnicas de construción, de restauración e de conservación preventiva, así coma a súa divulgación nas coleccións museísticas.
Ao Foro profesional de Instrumentos musicais súmase o respaldo do Gremio de Luthieres y Arqueros de España (GLAE), da asociación Instrumenta e da empresa Guitarras José Ramírez. Dende o ámbito institucional público, o Museo de Pontevedra e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia adhiren a súa colaboración, xunto coa Subdirección General de Gestión y Coordinación de los Bienes Culturales do Ministerio de Cultura y Deporte.
Música no claustro, motor económico do comercio local
O compromiso local de Música no claustro está presente dende o programa de concertos e actividades, ás persoas do equipo e empresas provedoras. Un motor económico do comercio local, cunha aposta firme pola economía circular e a sostenibilidade, procurando o emprego de recursos reutilizables e cercanos. As máscaras GALMASK, feitas en Galicia, axudan a convertir Música no claustro nun lugar seguro frente á COVID-19, mentres que GADIS aporta os nutrientes para que equipo e artistas reciban ao público cos brazos abertos. Enerxía hidratada por CABREIROÁ, coa novidade da introdución no festival das botellas de aluminio “Camino de Santiago” e os novos envases de auga de cartón reciclado, xunto co desfrute, para celebrar as #resonancias desta décimo quinta edición, dun albariño D.Pedro d'Soutomaior.
Samuel Diz
Director artístico
Director artístico