Música no Claustro recupera os vestixios musicais da Catedral de Tui nun concerto extraordinario nas festas patronais de San Telmo



  • O códice Pasionario Tudense contén a Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se recupera no concerto do ensemble Seconda Pratica o domingo 24 de abril ás 17,30h na Catedral de Tui.

  • En paralelo a esta recuperación patrimonial, o sábado 23 de abril celébrase unha xornada de estudo que reúne na sede tudense da UNED a diferentes especialistas na materia, como a historiadora Carmen Manso Porto da Biblioteca da Real Academia de la Historia, ou o musicólogo Manuel Pedro Ferreira da Universidade Nova de Lisboa.

  • Esta recuperación patrimonial conta co apoio do Cabido catedralicio, do Concello de Tui e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e enmárcase como preámbulo nas celebracións do VIII centanario da Catedral de Tui en 2025 e o Plan Catedrais Xacobeo 2027, así como a participación de Música no claustro coma festival internacional convidado á candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura.

O 6 de abril de 2022 a Catedral de Tui acolle a presentación do concerto de recuperación patrimonial da Misa Medieval de San Telmo, unha partitura inédita de canto gregoriano en notación aquitana sobre liña vermella que se conserva no códice Pasionario Tudense do arquivo da S.I Catedral de Tui. Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui dende o ano 2005, impulsa este relevante e innovador proxecto de salvagarda, estudo e divulgación do patrimonio musical, cultural e relixioso catedralicio como preámbulo da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui no ano 2025.



Don José Diégez Dieppa, Deán do Cabido catedralicio, deu a benvida ao acto destacando que esta recuperación “é o pórtico de Música no Claustro 2022 e ten como motivo fundamental a celebración do noso padroeiro San Telmo. Un proxecto musical que pon en valor o patrimonio cultural e relixioso da nosa Catedral, sendo a testemuña da evolución da liturxia na diocese dende o século XIII ata ben entrado o século XIV”.

A concelleira de cultura e ensino Sonsoles Vicente manifestou que “esta actividade demostra que o patrimonio, entendido como a nosa cultura, a nosa tradición e historia, está moi vencellado ás nosas vidas e para o Concello de Tui é un orgullo que este concerto forme parte das festas patronais de San Telmo”. Don Avelino Bouzón, arquiveiro da Catedral de Tui, sinalou “o carácter peregrino deste códice tras estar presente en exposicións en Varsovia, Praga ou a mostra Códices na Cidade da Cultura. Con frecuencia recibimos a solicitude de fragmentos do mesmo para o seu estudo, o que nos fai pensar na súa futura dixitalización”.

Samuel Diz, director de Música no Claustro, enmarcou esta recuperación patrimonial nos horizontes da celebración do VIII centenario da Catedral de Tui, o Plan Catedrais Xacobeo 2027 e a participación de Música no Claustro no deseño da xornada inaugural da candidatura Braga’27 Cidade Europea da Cultura. Uns horizontes “cheos de ilusión e retos entre dous polos: a recuperación e divulgación do patrimonio catedralicio en paralelo a unha estratexia de dixitalización que permita o acceso ao festival a calquera persoa dende calquera lugar do mundo”. As singularidades musicais desta partitura de canto gregoriano con texto en latín requiren da interpretación dun grupo vogal de música antiga especializado, con coñecementos específicos litúrxicos e de notación musical aquitana sobre liña vermella. Chegado dende os Países Baixos, o ensemble Seconda Pratica está formado pola soprano Sofia Pedro, o contralto Tim Braithwaite, o tenor Jonatan Alvarado e o baxio Nuno Atalaia.


Samuel Diz mostrou as particularidades do pergamiño da Misa medieval de San Telmo ás persoas asistentes, pondo a atención “en que esta partitura é a primeira testemuña documental da protección de Pedro González Telmo como patrón dos mariñeiros e navegantes, dulía que o universalizou dende o seu Frómista natal a Sevilla, San Sebastián ou Bos Aires, así como a México onde a festividade de San Telmo está recollida como manifestación do patrimonio inmaterial ou a Porto Rico, onde se descubriu recentemente un fresco coa representación do fraile dominico nunha igrexa do século XVI. Unha universalidade que nos ilusiona nesta recuperación e salvagarda do patrimonio cultural e relixioso local”.

O sábado 23 de abril, previo a recuperación sonora en concerto, a sede tudense da UNED acolle unha xornada de estudo que reúne ás principais eminencias da materia, pondo en diálogo os traballos do musicólogo galego Manuel Rey Olleros, quen ten realizado a catalogación do repertorio medieval das catedrais galegas, coas investigacións sobre a iconografía medieval de San Telmo realizadas pola historiadora Carmen Manso Porto da Biblioteca da Real Academia de la Historia, e o profundo coñecemento do musicólogo Manuel Pedro Ferreira da Universidade Nova de Lisboa no legado musical de conventos, mosteiros e catedrais no contexto ibérico. Esta xornada de estudo desenvolverase nun formato híbrido, con participación presencial ou vía zoom con previa inscripción

Nesta rolda de prensa, o alcalde tudense Enrique Cabaleiro recoñeceu “a inmensa gratitude aos promotores de Música no Claustro por este traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio do conxunto catedralicio que é a alma do noso concello, e solicitou a implicación de toda a sociedade tudense nesta celebración de San Telmo”.

Pechou o acto o bispo Don Luis Quinteiro mencionando o “fito importante para a Catedral da recuperación destas testemuñas musicais do século XIII, querendo agradecer o esforzo de Música no Claustro, xa maduro, que ofrece novas perspectivas desta Catedral, alma da nosa cidade, da nosa diocese, de Galicia, da nosa fe cristiana e da nosa cultura”. E continou sinalando “que a nosa historia é unha fonte permanente de rexenerar vida e de creación para o presente. Isto é moi importante neste momento no que necesitamos perspectivas, razóns, puntos de unión para afrontar o noso futuro”.