Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Acceso libre por orde de chegada. Non hai reserva previa.
Apertura de portas 20:45h
Venres, 5 de agosto, 21h
Lugares
Música portuguesa creativa
Acordeón e violín
JOÃO FRADE e JOÃO SILVA
O acordeonista João Frade e o violinista João Silva únense co obxectivo de propor cruces e diálogos creativos cheos de cores e dinamismo. Un encontro materializado no seu disco Lugares no que deambulan polos universos do jazz, a improvisación, a música clásica, a tradición portuguesa e as músicas do mundo. Para Paulo Pires, asesor do Ministerio de Cultura portugués, Lugares é “un disco a catro mans que reafirma o virtuosismo técnico e a capacidade interpretativa de Frade e Silva, así como a evidente complicidade plasmada na feliz fusión tímbrica dos sons instrumentais. Un imaxinario e viaxe interior. Un espello no que ver o pasar das horas, o fluír (líquido) dos días”.
João Frade e João Silva chegan a Música no Claustro grazas ao apoio de AIE Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes, neste dobre concerto de violín e acordeón xunto co dúo Caamaño&Ameixeiras do martes 2 de agosto.
Para o acordeonista João Frade (Albufeira 1983) foi fundamental a figura do mestre Hermenegildo Guerreiro, co cal estudou durante 10 anos, período no que recibiu numerosos premios a nivel nacional e internacional. Continuou perfeccionando a técnica do instrumento no CNIMA Centro Nacional e Internacional de Música e Acordeón Jacques Mornet de Saint-Sauves-d'Auvergne (Francia) e afondando no jazz na Escola de Música de Lisboa. Destaca a súa ampla discografía na que impregna un estilo propio que el mesmo denomina “Música creativa portuguesa” e que consiste na fusión de ritmos tradicionais das rexións meridionais de Portugal con melodías e ritmos do jazz mediterráneo e norteamericano. Un estilo propio recoñecido con premios como o Terras de Lulé, Primus Inter-Pares ou a medalla ao mérito “Grao de Ouro” do seu municipio natal, Albufeira. En paralelo aos seus proxectos persoais, João Frade é integrante da banda da cantante de fado Mariza, realizando numerosas xiras internacionais.
O violinista e compositor João Silva (Ponte de Lima, 1991) naceu nunha familia de músicos amadores. Tras o seu paso pola Escola Profesional de Música de Viana do Castelo e pola Escola de Jazz Luis Vilas Boas do Hot Club de Lisboa, en 2013 trasladouse a Barcelona para continuar a súa formación en jazz e violín moderno na ESMUC. Nese intre comeza unha destacada traxectoria artística e creativa ao carón de diversas formacións co pianista Mariano Camarasa, co grupo Domino Swing ou co violinista João Frade. Ten recibido diferentes premios e recoñecementos, entre os que destacan o Premio Andrea Parodi, o Concurso Internacional de Violín Jazz Seifert ou o voto de honra da Cámara Municipal de Ponte de Lima no ano 2020.