Sábado 6.AGO.22. MARÍA CRISTINA KIEHR, JONATAN ALVARADO e ARIEL ABRAMOVICH. The Josquin Songbook ■▪︎

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Acceso libre por orde de chegada. Non hai reserva previa.
Apertura de portas 20:45h


Sábado, 6 de agosto, 21h
The Josquin songbook
Música do Renacemento
Soprano, tenor e vihuelas de man

         THE JOSQUIN SONGBOOK   

No ano 1521 falecía o destacado compositor de orixe franco-flamenca Josquin Desprez. En España, a difusión da súa obra estivo vinculada especialmente ao ascenso ao trono de Carlos V. A súa música comezou a proliferar en numerosos manuscritos das capelas musicais españolas.

Aínda que na Catedral de Tui non ser conserva (ou non está catalogada) ningunha obra escrita por Josquin Desprez, 500 anos despois do seu falecemento a soprano María Cristina Kiehr, o tenor Jonatan Alvarado e o vihuelista Ariel Abramovich -integrantes de Armonía Concertada- escolleron a sede tudense para gravar o disco “The Josquin songbook” que nos convida a transitar o imaxinario da polifonía renacentista nun formato íntimo, cativador e dunha exquisita factura estética.

Esta gravación, realizada nunha sala anexa ao claustro que formará parte do TUDE Museo Catedralicio Diocesano, contou coa colaboración do enxeñeiro de son Jesús Trujillo e o produtor Bart Vandewege. Publicado polo selo Glossa, “The Josquin Songbook” complétase cun coidado libreto do musicólogo John Griffiths no que reflexiona sobre como “a procura da salvación e a eternidade exixía introspección e soidade. En gran medida, a música era unha actividade comunitaria pero a súa percepción era intensamente persoal. Os compositores nados a mediados do século XV, especialmente os dos Países Baixos, ían crear un novo estilo musical que dominaría o son da música eclesiástica durante máis dun século, e que se estendería á maioría dos demais xéneros da sofisticada música culta, xa fose vocal ou instrumental. Josquin Desprez converteuse no epítome deste estilo, o emblema dunha forma de música polifónica baseada en principios de contrapunto imitativo, que soaba como a vida eterna mesma, e que sería un modelo iluminado para todos os que a seguiron”.


         PROGRAMA   


Nymphes, nappés, a 6

Kyrie da Misa Fortuna Desperata, a 4

Praeter rerum seriem, a 6

Mille regres. A canción do Emperador do quarto tono de Jusquin, a 4*

Benedictus Missa Mille regretz, a 3**

'Confiteor' do Credo da Missa l'Homme Armé, a 4

Kyrie da Missa Adieu mes amours (Peñalosa), a 4

Fantasia do primero tono, a 4*

O intemerata virgo, a 4

Stabat mater dolorosa, a 5

Nymphes de Bois, a 5

Todas as versións están realizadas por Armonía Concertada, agás:
* Luys de Narváez. Los seis libros del Delfín de Música. Valladolid, 1538
** Miguel de Fuenllana. Orphenica Lyra, Sevilla 1554


         MARÍA CRISTINA KIEHR   

Grazas á maxia que exerceu sobre ela o repertorio vocal da chamada música antiga- máis precisamente a do período renacentista e o barroco temperán- María Cristina Kiehr cambiou o seu obcecado e apaixonado estudo do violín polo do canto. Dende o seu Tandil natal (Arxentina) chegou á Schola Cantorum Basiliensis, meca da música antiga. Alí, da man do seu mestre René Jacobs adquiriu os coñecementos fundamentais para iniciarse na vertixinosa vida que supuxo consagrarse á música. Tivo o privilexio de compartir escenarios con grandes intérpretes, algúns considerados hoxe pioneiros da música antiga como Nikolaus Harnoncourt, René Jacobs, Frans Brüggen, Chiara Banchini, Philippe Herreweghe, Jordi Savall ou Christophe Coin. Simultaneamente, como co-fundadora do Daedalus Ensemble, o cuarteto vocal La Colombina, e o Concerto Soave con Jean-Marc Aymes, afianzou a súa identidade artística, o que lle permitiu tamén explorar outros horizontes musicais. Estreou obras contemporáneas, en parte dedicadas a ela e, en paralelo aos proxectos musicais xunto ao vihuelista Ariel Abramovich (Armonía Concertada), participa en novas propostas cos guitarristas Pablo Márquez (clásica) e Krishnasol Jiménez Moreno (barroca).


         JONATAN ALVARADO   

Jonatan Alvarado naceu en Mercedes (Arxentina). Comezou estudando guitarra no conservatorio da súa cidade natal e frecuentou os curso de Dirección Coral, Orquestral e Composición da Universidade Nacional da Prata. En 2011 trasladouse a Holanda, onde se licenciou en canto, na especialidade de música antiga, e laúde no Conservatorio de Amsterdam. A súa procura no repertorio medieval e renacentista continúa ao día de hoxe baixo a guía da Dra. Rebecca Stewart. É director musical e co-fundador -xunto ao portugués Nuno Atalaia- do ensemble Seconda Pratica, o cal protagonizou a recuperación patrimonial da Misa medieval de San Telmo da Catedral de Tui en abril de 2022. Conforma xunto a Florencia Menconi, Ariel Abramovich e Breno Quinderé o ensemble Da Tempera Velha, dedicado ao repertorio castelán tardo Medieval e do primeiro Renacemento e, xunto aos proxectos con Armonía Concertada, tamén colabora regularmente coa agrupación de música Medieval Sollazo Ensemble. Co seu primeiro disco como solista, "Pajarillos Fugitivos", nomeado para os International Classical Music Awards na categoría de Mellor Álbum Vocal de Música Antiga, Jonatan Alvarado actuou por primeira vez en Música no Claustro no ano 2018. Na súa dobre función de director e solista presentouse nos escenarios máis importantes de Europa, entre os que se inclúen os Festivais de Ambronay, Sablé, Utrecht, Amberes, Viena, Estocolmo, Göttingen, Liubliana e Almada entre outros, baixo a dirección de Sigiswald Kuijken, Richard Egarrd, Gabriel Garrido ou Eduardo Egüez.


         ARIEL ABRAMOVICH   

Cegado por unha fantasía de Luys de Narváez, decide de adolescente a súa exclusiva dedicación ao repertorio para laúde e vihuela do século XVI. En 1996 trasladouse a Suíza para estudar co seu mestre e mentor Hopkinson Smith, na Schola Cantorum Basiliensis. Máis tarde, visitará ao mestre Eugène Ferré en Francia, quen lle ofrecerá unha mirada moi especial do instrumento e a súa música. No ano 1998 fundou xunto ao altus José Hernández-Pastor o dúo "El Cortesano", proxecto musical dedicado ao repertorio dos vihuelistas españois co que gravan en 2001 o primeiro disco dedicado enteiramente ao vihuelista Estevan Daça e, en 2008, un segundo disco ao vihuelista salmantino Diego Pisador. En 2008, xunto ao tenor británico John Potter, revisita a literatura de "lute songs" inglesas. En 2011 funda, xunto a Anna Maria Friman e Jacob Heringman- "Alternative History", gravando para a casa ECM o disco "Secret History". En 2015 ECM publicou a segunda gravación do cuarteto, "Amores Pasados", para o que músicos como Tony Banks (Genesis), Sting ou John Paul Jones (Led Zeppelin) contribuíron con obras inéditas e/ou escritas especialmente para este proxecto. En 2013 fundou xunto á soprano María Cristina Kiehr o dúo "Armonía Concertada", dedicado á literatura ibérica para voz e corda pulsada do S.XVI. En 2019 publican na casa Arcana "Imaxinario: dun libro de música de vihuela", primeira reconstrución dun caderno para cantar acompañado á vihuela e, en 2021, o selo Glossa publica o segundo disco, “The Josquin Songbook”, con intabulacións de Josquin Desprez.