FESTIVAL MÚSICA NO CLAUSTRO 23 #concéntricas \\

Festival de música, patrimonio e creación. 
Do 1 ao 7 de agosto. XVII edición.
Catedral de Tui 

Música no Claustro celebra a súa XVII edición do 1 ao 7 de agosto. Un programa de música, patrimonio e creación dirixido polo concertista e investigador tudense Samuel Diz no que conflúen diversas narrativas #concéntricas que teñen como punto de encontro o legado artístico da Catedral de Tui, sede oficial do festival dende o ano 2005.



SETE CONCERTOS

Sete concertos de entrada libre que brotan do silencio pétreo dun dos claustros máis antigos das catedrais atlánticas. Linguaxes renovadas que beben do legado oral da música tradicional galega con Davide Salvado, do flamenco con Niño Ruven, ou dos ritmos e melodías da coste oeste de África da que provén o malinense Ballaké Sissoko, referente mundial da kora. Música no Claustro, co respaldo de AIE, achega as inquedanzas da nova escena musical co percusionista Diego Casado e co trío de jazz liderado pola saxofonista Irene Reig.

A Catedral de Tui, motor artístico e cultural ao longo dos séculos, acolle dúas residencias artísticas que abren e pechan o círculo desta edición: a da organista Silvia Márquez Chulilla, directora do ensemble La Tempestad, co obxectivo de afondar na investigación e interpretación do arquivo musical catedralicio; e da oboísta galega Iria Folgado, solista da Konzerthaus Orchester Berlin, quen regresa ao festival para gravar o seu primeiro traballo discográfico ao carón das irmás tudenses Raquel e Sara Areal.

Un programa de concertos de entrada libre grazas ao compromiso do Cabido Catedralicio, da Concellaría de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universiades da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Cultura, xunto aos apoios privados de Cabreiroá, Gadis e o mecenado de Javier Vales.

TOQUE MANUAL DE CAMPÁS E RESONANCIAS, FORO PROFESIONAL DE CONSTRUCIÓN DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Música no Claustro e a Asociación Campaneiros de Galicia celebran a recente declaración do toque manual de campás como manifestación do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO cunha intervención sonora previa aos concertos que fai vibrar o bronce dos sinos catedralicios. En paralelo, o Ministerio de Cultura e Deporte participa no foro profesional Resonancias® 23 analizando os pasos dados e retos desta protección patrimonial, xunto á visita a Campás Ocampo, obradoiro artesanal con máis de 400 anos de historia.

O 2 e 3 de agosto, profesionais da construción de instrumentos musicais e o deseño reúnense en Tui ao carón de perfís técnicos como a enxeñaría ou a xestión de coleccións museísticas. A terceira edición do foro profesional Resonancias impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, ao que se suma a colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal, promove o emprego de madeiras de proximidade na artesanía. Un programa de conferencias, mesas redondas e visitas profesionais que ten por apertura a conversa maxistral co mestre organeiro Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui, xunto á conferencia aberta a todos os públicos de Lucy Durán sobre a kora.

SALVAGARDA DO PATRIMONIO: FOTOGRAFÍAS ANÓNIMAS E PROCESO ABERTO DE PARTICIPACIÓN SOCIAL PARA A MEMORIA COLECTIVA DE CAMPÁS E ÓRGANO

O compromiso de Música no Claustro pola salvagarda do patrimonio cultural impulsa un proceso aberto de participación social na recollida das lembranzas sobre a restauración do órgano e do toque manual de campás, testemuñas orais que documentan a identidade local ao igual que as imaxes que inspiran á gráfica desta edición, un conxunto de fotografías anónimas inéditas realizadas no Baixo Miño na década de 1920’.

Esta acción de documentación, investigación e posta en valor patrimonial forma parte do Arquivo verde do Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026 impulsado polos Fondos Next Generation da Unión Europea a través do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui.



© Fotografía Gus Abreu, Música no Claustro 22