SÁBADO 3.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ FAIA, CON BLEUENN LE FRIEC. GALICIA E BRETAÑA FRANCESA.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Sábado, 3 de agosto, 21h
Maternidade
Arrolos e cantigas
Galicia

 FAIA, con 
 BLEUENN LE FRIEC 

A artista galega Faia regresa a Música no Claustro xunto coa arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha proposta específica deseñada para o festival, a medio camiño entre o anterior traballo e o que será o seu próximo disco. Arrolos, romances e outras cantigas tradicionais coas que quere dar luz ao universo silenciado da maternidade. Unha mirada feminista que reivindica o desexo, a forza do pracer, o contacto máis esencial co corpo e coa natureza propia.

Tomando como inspiración as palabras de García Lorca na súa conferencia sobre as nanas ibéricas, elas tamén queren baixar á ribeira dos xuncos e escoitar o sopro da melodía que é a emoción da historia. Onde había un recuncho escuro, poñen un reflexo de nube ovalada, unha voz que canta. Así, a través da melodía e da palabra exploran os lugares do entresoño. A denuncia latente en cada letra e cantiga, que atravesou séculos de represión e vive na memoria do corpo, toma forma musical ou é ruído; a través dela falan, porque é herdanza, un espazo necesario de acubillo e subversión.

Con Faia e Bleuenn Le Freic seguimos pensando e sentindo a catedral atlántica que habitamos, templo que nos da a benvida co seu pórtico gótico que ten coma protagonista á propia maternidade nas súas representacións iconográficas.