INSCRICIÓN
Inscrición a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Número de prazas: 50 persoas.. Prezo xeral: 30 € / Prezo reducido para obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia: 20 €.
Despois de cubrir o formulario de inscrición, a persoa interesada recibirá un correo coa conta bancaria da Fundación Pública Artesanía de Galicia para o pagamento e a emisión da factura correspondente.
HORARIO
Martes, 6 de agosto
9h30 ▪︎◼︎ Café de benvida
10h ▪︎◼︎ Encontro de encontros: mesa redonda participativa
11h30 ▪︎◼︎ Madou Kouyaté e Fodé Lassana Diabaté: a construción do ngoni e o balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot.
12h15 ▪︎◼︎ Pausa e intercambio de contactos profesionais.
12h45 ▪︎◼︎ Eva Moreda, catedrática de musicoloxía na Universidade de Glasgow: música e son na experiencia de Galicia dos viaxeiros británicos.
13h30 ▪︎◼︎ Rosa Sánchez e Pablo Carpintero: as gaitas de fol na provincia de Pontevedra.
14h30 ▪︎◼︎ Xantar
16h30 a 19h ▪︎◼︎ Showroom de instrumentos musicais.
21h ▪︎◼︎ Concerto "The music of Galicia" (1924), o papel de J.B. Trend: Pedro Lamas (gaita e saxofóns), Germán Díaz (zanfona e instrumentos mecánicos) e Antonio Romero Cienfuegos (contrabaixo).
RESONANCIAS 24
O festival Música no Claustro® convoca o martes 6 de agosto, na Catedral de Tui, a cuarta edición do foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS®. Coma principais novidades, destaca a convocatoria dunha mesa redonda participativa Encontro de Encontros co obxectivo de mapear e coñecer a realidade e proxección dos eventos vencellados aos instrumentos musicais en Galicia ou outros puntos da península Ibérica para convivir nun ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro, e a organización dun showroom de instrumentos musicais. Para ambas actividades convócase á participación de profesionais da construción dos instrumentos musicais, da xestión cultural, así como a músicas e músicos que queiran coñecer as novidades máis recentes dos luthieres participantes.
RESONANCIAS é unha iniciativa da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia no marco do festival Música no Claustro, baixo o comisariado de Samuel Diz, que ten por misión ser un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, as investigacións de musicoloxía ou iconografía e historia da arte, a xestión de coleccións en museos, e outras profesións técnicas vencelladas ao sector.
Nesta ocasión, os músicos e artesáns malienses ;Madou Kouyaté e ;Fodé Lassana Diabaté, integrantes do Trio da Kali, abren o foco das persoas asistentes cara o continente africano compartindo o valor social e as características de construción do ngoni e o balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot.
En paralelo, RESONANCIAS 24 rescata o estudo "Music in Spanish Galicia" do hispanista británico J. B. Trend publicado na revista Music & Letters no ano 1924. Un artigo case descoñecido na actualidade e que poderiamos considerar como a semente da difusión da música galega entre o público anglosaxón. Santiago de Compostela, Noia, Pontevedra ou Vigo foron algunhas das localidades nas que Trend desenvolveu o seu traballo de campo, ao que agora sumamos a súa estancia en Tui grazas a unha carta que enviou ao musicólogo Edward J. Dent na que detalla polo miúdo a súa experiencia con Santiago Tafall, mestre de capela da Catedral de Santiago, ou ao coñecemento da música e os instrumentos tradicionais ao carón de Perfecto Feijóo. Cen anos despois, rescatamos de forma poliédrica este texto a partir da visión académica de Eva Moreda, catedrática de Musicoloxía na Universidade de Glasgow; as investigacións das gaitas de fol na provincia de Pontevedra, realizadas por Rosa Sánchez e Pablo Carpintero; xunto á revisión e creación musical do gaiteiro, saxofonista e compositor Pedro Lamas, quen ofrecerá un concerto ao carón do zanfonista Germán Díaz e o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos como peche desta cuarta edición de RESONANCIAS, grazas á colaboración da Dirección Xeral de Cultural da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Tui.
ENCONTRO DE ENCONTROS
Os instrumentos musicais son dinamizadores de eventos de diversas tipoloxías. Artefactos que conservan as tradicións dos pobos e ao mesmo tempo impulsan o desenvolvemento profesional de diferentes sectores. Nesta ocasión, RESONANCIAS 24 convoca á participación nunha ampla mesa redonda ás feiras, encontros, xornadas ou festivais que xiran en torno aos instrumentos musicais, co obxectivo de mapear e coñecer a realidade e proxección de cada evento para convivir no ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro. A actividade está moderada polo xestor cultural Sergio Lago (Ben Curiosa), co-director do posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC.
A organización ofrece unha axuda de gastos de desprazamento para aqueles eventos que cheguen dende fóra da provincia de Pontevedra, ata un máximo de oito eventos.
SHOWROOM DE INSTRUMENTOS MUSICAIS
O festival Música no Claustro impulsa o diálogo entre a construción dos instrumentos musicais e a súa interpretación. Unha relación simbiótica, cultural e comercial entre artesáns e artesás con músicas e músicos que nesta edición de RESONANCIAS 24 terá o seu protagonismo propio na tarde do martes 6 de agosto.
A organización convoca á participación de construtores e intérpretes de gaitas, zanfonas, percusións, guitarras, arpas e instrumentos de música antiga ou de arco, e garantiza un espazo propio e privado para poder coñecer en pequenos grupos de traballo, de forma práctica, as novidades máis recentes ou os instrumentos máis representativos de cada obradoiro.
FORMULARIO DE INSCRICIÓN