VENRES 2.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ LAURA MARCHAL, CON VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS. ANDALUCÍA.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Venres, 2 de agosto, 21h
Aceitunitas negras
Flamenco
Andalucía

 LAURA MARCHAL, con 
 VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS 

Música no Claustro acolle o debut en Galicia da cantaora Laura Marchal, quen presenta no festival un adianto do seu primeiro traballo discográfico que ten por single o tango flamenco Aceitunitas negras, unha homenaxe ao campo e as súas xentes, persoas que en diversos momentos emigraron á cidade en busca dunha oportunidade laboral. Reflexión e compromiso dun reto demográfico que tanto a Andalucía e Galicia interior e atlántica coñecen de primeira man.

Laura Marchal bebe da tradición para chegar a novos públicos co seu flamenco. As raíces culturais da súa Andalucía natal dialogan co ronsel árabe e sefardí en paralelo ao folclore musical ibérico. Marchal preséntase hoxe ao carón da guitarra de Víctor Franco e as percusións de Jesús Campos, nun concerto que chega a Música no Claustro grazas ao convenio do festival con AIE co que en 2021 tamén desfrutamos da actuación de Ángeles Toledano.

A modo de déjà vu, imaxinemos a Laura Marchal no Certamen de Cante Jondo organizado en Granada no ano 1922 por Manuel de Falla e Federico García Lorca. De ser así, posiblemente tería coñecido a John B. Trend, o hispanista británico que chegaría uns meses despois a Galicia para escribir o seu artigo The music of Spanish Galicia, o primeiro estudo en inglés sobre a música galega e que o martes, 6 de agosto, servirá de fío condutor ao concerto de Pedro Lamas, Germán Díaz e Antonio Romero Cienfuegos.