Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45
Xoves, 1 de agosto, 21h
Archivo Pittoresco
Portugal
LULA PENA
A cantora portuguesa Lula Pena abre Música no Claustro 24 cun concerto no que revisita o seu disco Archivo Pittoresco, un traballo no que explora diferentes linguas atlánticas como o inglés, o francés, o castelán e o portugués, a súa lingua nai.
Lula Pena é unha artista integral que encontra na música a súa expresión, a súa linguaxe propia na que destacan as letras das súas composicións, o papel que a guitarra protagoniza nas súas cancións ou no propio concepto da súa creación. O fado é un ingrediente da súa alquimia musical nun acto íntimo no que conviven as tradicións sonoras do norte de África e da península ibérica.
Na actualidade, Lula Pena reside no Algarve nun contacto directo co mar e as plantas, onde explora o ritmo líquido e orgánico da natureza. Con ela queremos comezar esta 18ª edición de Música no Claustro na que convidamos a reflexionar sobre a catedral atlántica que nos acolle continuando o festival con outras dúas voces femininas: mañá venres, 2 de agosto, co flamenco de Laura Marchal, e o sábado, 3 de agosto, cos arrolos e cantigas galegas de Faia Díaz.