MÉRCORES 7.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ MOSER STRING QUARTET. SUIZA.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Mércores, 7 de agosto, 21h
Obras de Purcell, Mendelssohn, Mozart e María Teresa Prieto
Música de cámara
Suiza

 MOSER STRING QUARTET 

Música no Claustro 24 remata ao carón do Moser String Quartet, unha formación de música de cámara cunha proxección internacional pese a xuventude das súas integrantes. Teñen actuado nos continentes europeo, americano e asiático, e recibido diversos recoñecementos, nos que destaca o Premio Especial "Ambassador Ensemble" do Osaka International Chamber Music Competition en 2023, ao que se une na presente tempada a residencia artística no ProQuartet Centre Européen de Musique de Chambre en París ou a xira AIE Clásicos no estado español a través da que chegan á Catedral de Tui.

Moser String Quartet está formado polas violinistas xaponesa Kanon Miyashita e a española Patricia Muro, xunto á violista española Ariadna Bataller (neste concerto substituída pola francesa Élise Hiron) e a violonchelista italiana Lea Galasso. Nesta diversidade de nacionalidades e orixes cardinais, o punto de encontro das integrantes é a academia suíza Hochschule für Musik Basel.

Neste concerto, Moser String Quartet interpreta obras de Purcell, Mozart e Mendelssohn, ao que se une o Cuarteto modal da asturiana María Teresa Prieto (1895-1982), unha obra estudada en profundidade pola musicóloga Tania Perón Pérez na súa tese de doutoramento dedicada á compositora cuxo legado se conserva en México, país no que se refuxiou en 1936 tras o inicio da Guerra Civil.

Con esta formación canónica da música clásica europea finalizamos Música no Claustro 24, coa gratitude de todas as experiencias, encontros e músicas atlánticas vividas ao longo destes sete días. O apoio ás novas xeracións foi a semente botada por don Ricardo en 2005 e despois de 18 edicións, este compromiso segue máis vivo ca nunca deixando un legado real como o recente disco Ecos de Breogán (Poliédrica 2023) de Iria Folgado, un proxecto que naceu do estreito traballo realizado coa oboísta galega como artista residente de Música no Claustro entre 2021 e 2023, proceso no que recibiu o apoio á creación de INJUVE e o premio Talento Mozo da Xunta de Galicia.



PROGRAMA

Henry Purcell (Londres, 1659 - 1695)
Fantasía no. 11, en Sol Mayor, Z. 742

Wolfgang Amadeus Mozart (Salzburgo 1756 - Viena 1791)
Cuarteto K. 387, no. 14, en Sol Mayor "A Primavera”
I.- Allegro vivace assai
II.- Menuetto. Allegro
III.- Andante cantabile
IV.- Molto Allegro

María Teresa Prieto (Oviedo 1895 - Cidade de México 1982)
Cuarteto modal
I.- Adagio (Dórico)
II.- Scherzo Allegretto (Lidio)
III.- Andante Espressivo (Eólico)
IV.- Fuga. Allegro non troppo (Jónico)

Felix Mendelssohn Bartholdy (Hamburgo 1809 - Leipzig 1847)
Cuarteto Op. 80, no. 6, en Fa menor
I.- Allegro vivace assai
II.- Allegro assai
III.- Adagio
IV.- Allegro molto