MARTES 6.AGO. CONCERTO 21h ▪︎◼︎ PEDRO LAMAS, con GERMÁN DÍAZ E ROMERO CIENFUEGOS. GALICIA.

Concerto no claustro medieval da Catedral de Tui, 21h.
Entrada libre por orde de chegada, sen reserva previa.
Apertura de portas 20h45




Martes, 6 de agosto, 21h
The music of Galicia (1924): o papel de J.B. Trend
Música medieval e tradicional, jazz
Galicia

 PEDRO LAMAS, con 
 GERMÁN DÍAZ e ANTONIO ROMERO CIENFUEGOS 

Este concerto é o resultado dunha investigación e residencia artística do compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas en Música no Claustro 24. Un proxecto creado para a ocasión que abraza as tres liñas principais do festival: música, patrimonio e creación. Ao carón de Lamas, participan neste concerto o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz, quen xa nos deixou marabillosos momentos no claustro da Catedral de Tui co seu Método cardiofónico ou a estrea das 13 cancións bonitas xunto a Benxamín Otero. Hoxe, Lamas, Díaz e Romero Cienfuegos revisitan e reintepretan, dende a súa óptica actual e persoal, o artigo "The Music of Spanish Galicia" do hispanista británico John B. Trend.

Este texto foi publicado en 1924 na vixente revista "Music & Letters" da Universidade de Oxford. A pesar de ser un documento valiosísimo, tanto polo seu contido coma por abrir a difusión da música galega a un público anglosaxón, de forma inexplicable pasou desapercibido en Galicia para moitas xeracións. Nel abondan as referencias aos principais manuscritos e códices medievais, achegando a notación musical de diferentes exemplos e incluíndo tamén diversos cantos e melodías propios da música de transmisión oral. Os exemplos da música profana e relixiosa discorren en paralelo (o Códice de Ruiz de Azagra, o Códice de Fernando I, o Códice Calixtino, as Cantigas de Santa María ou as Cantigas de Martín Códax) xunto as referencias ao cóengo Santiago Tafall ou ao gaiteiro Perfecto Feijóo, con quen Trend compartiu experiencias e coñecementos en Santiago de Compostela e Pontevedra respectivamente.

Por outra banda, en agosto de 1924 falecía en Vixoi (Bergondo, A Coruña) o intelectual galeguista Xohán Vicente Viqueira. Contaba con tan só 37 anos e sabemos que leu o texto de J.B. Trend Trend. Como o sabemos? Pois en abril de 1925, de forma póstuma, a revista "Alfar" publicaba a súa tradución ao castelán.

Desta forma, co apoio da Deputación de Pontevedra e da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia, este concerto conmemora unha celebración dupla: o centenario dunha publicación académica da historia da música galega alén da nosa terra e o centenario do pasamento dun dos persoeiros máis relevantes da nosa cultura. E por que en Tui, por que no festival Música no Claustro? A resposta atópase en Cambridge, nunha carta inédita conservada no arquivo central do King's College que Trend escribiu ao musicólogo Edward J. Dent o 11 de outubro de 1922 dende o Gran café Español de Lugo. Nela, Trend non só comparte as súas experiencias neste traballo de campo do que nacería este artigo, senón que transmite as súas sensacións nunha estancia en Tui, na que cruza a ponte internacional para desfrutar dun paseo por Valença do Minho, e na que menciona que [Richard] Ford, by the way, has missed a glorious opportunity at Tuy describing the wooden door of the Cathedral, ao que Trend suma un paralelismo das arquivoltas do templo coa música de Scarlatti.

En paralelo a esta conmemoración, Música no Claustro 24 suma un acordo de intercambio académico coa Universidade de Glasgow co que damos a benvida á Catedrática de musicoloxía Eva Moreda, quen realiza unha residencia de investigación durante o festival dedicada á música e son na experiencia de Galicia nos viaxeiros británicos tomando como epicentro a figura de John B. Trend.