Samuel Diz, director artístico de Música no Claustro, durante a presentación da 18 edición do fetival o 23 de xullo de 2024.
Música no Claustro é un festival de música, patrimonio e creación con sede na Catedral de Tui dende o ano 2005. A súa misión é promocionar o tecido profesional musical e impulsar a investigación, preservación, divulgación e deleite do patrimonio cultural e musical da Catedral de Tui dende unha interpretación laica e actual do espazo, do seu legado e identidade que nos conforma como sociedade.
Neste legado espiritual e cultural, unha travesía a seguir é san Telmo. Unha travesía na que en 2022 presentamos en concerto un proceso de investigación e recuperación da Misa medieval de Pedro González, soporte documental conservado no arquivo catedralicio e na que se fai a primeira mención á súa protección nos mares. Ao ano seguinte, participamos no simposio organizado pola Pontificia Universidade Católica de Puerto Rico para celebrar e pór en valor o descubrimento dun fresco de san Telmo, datado no século XVI e situado como a primeira representación do padroeiro tudense e protector dos navegantes no continente americano.
CATEDRAL ATLÁNTICA, CELEBRACIÓN DUNHA MAIORÍA DE IDADE
Así, dende a madurez e a fraxilidade que significa cumprir 18 edicións, nos aventuramos a pór a atención nunha interpretación da Catedral de Tui como unha Catedral Atlántica, templo matriz dunha diocese atlántica. Unha catedral que camiña cara o seu VIII centenario, momento no que dende Música no Claustro queremos impulsar a investigación e reflexión deste lugar dende este concepto: ollar o legado atlántico presente na mesma a través da iconografía, representacións ou decoracións, e ao mesmo tempo a interpretación e localización desta sede coma un epicentro na construción conceptual do Atlántico actual.
Sabemos que é un reto, ao igual que todos os soños que foron conformando edición a edición esta travesía que chega a súa maioría de idade. E así, nesta 18 edición, a música, o patrimonio e a creación, as tres liñas de actuación de Música no Claustro, convértense en tres liñas superpostas de costa atlántica, dende o Reino Unido ata a costa oeste do continente africano. E comezamos o festival o xoves 1 de agosto coa cantora portuguesa Lula Pena, cun concerto no que revisita o seu disco Archivo Pittoresco, un traballo no que explora diferentes linguas atlánticas como o inglés, o francés, o castelán e o portugués, a súa lingua nai.
Neste último ano, a nivel persoal cheo de importantes proxectos profesionais con xiras e estancias en sete países e diferentes lugares do estado español, foi moi emotivo atopar, de forma inesperada, a testemuña de diversas persoas que tiveran asistido nalgunha ocasión a Música no Claustro ou que escoitaran falar do festival a través de familiares ou amizades. Públicos que confían na nosa programación, na personalidade artesá e humana deste evento fóra de dinámicas industriais. Unha personalidade que remata de definir o propio público, coa súa paixón, co seu respecto pola escoita atenta, o que fai de Música no Claustro un festival de música para ouvir.
E esa personalidade acábase de configurar co recoñecemento das propias músicas e músicos que nos visitan. E a que me refiro? Pois á confianza depositada ao pensar en nós para presentar os novos proxectos de creación ou traballos discográficos, en ocasións aínda inéditos ou en proceso. E así, o sábado 3 de agosto, a cantante galega Faia abrirá ás páxinas do cancioneiro popular galego, en especial naqueles arrolos e cantigas que lle canta á sua filla. Unha revisión da maternidade e deste patrimonio musical dende unha mirada feminista que conformará o concepto e contido do seu vindeiro disco ao carón da arpista bretoa Bleuenn Le Friec.
Viviremos outra estrea o luns 5 de agosto da man do Trio da Kali, unha formación que chega dende Mali. Unha publicación baixo a produción de Lucy Durán que sairá ao mercado a finais de 2024 en Remote Records. Os seus integrantes, Hawa Kasse Mady Diabaté, Fodé Lassana Diabaté e Madou Kouyaté proveñen de célebres familias griots e creceron na profunda tradición cultural que se remonta á era precolonial do gran imperio de Mali. Con esta bagaxe natural, o Trio da Kali busca o equilibrio entre a antiga tradición, que é transmitida de forma oral de xeración a xeración dende os séculos XII e XIII, coa introdución de novos elementos e cancións no seu repertorio e estilo.
JOHN B. TREND, UN SINGULAR VIAXEIRO BRITÁNICO EN GALICIA
Na misión de Música no Claustro, un dos compromisos é o impulso das residencias artísticas de investigación e creación. E nesta ocasión, tomamos como fío condutor o artigo The Music and Spanish Galicia do hispanista británico John B. Trend, un texto publicado en 1924 na vixente revista "Music & Letters" da Universidade de Oxford. A pesar de ser un documento valiosísimo, tanto polo seu contido coma por abrir a difusión da música galega a un público anglosaxón, de forma inexplicable pasou desapercibido en Galicia para moitas xeracións. En paralelo, no arquivo central do King's College da Universidade de Cambridge atopamos unha carta escrita por Trend ao musicólogo Edward J. Dent o 11 de outubro de 1922 dende o Gran café Español de Lugo. Nela, Trend non só comparte as súas experiencias neste traballo de campo en Galicia do que nacería este artigo, senón que transmite as súas sensacións nunha estancia en Tui, na que cruza a ponte internacional para desfrutar dun paseo por Valença do Minho, e na que menciona que «[Richard] Ford, by the way, has missed a glorious opportunity at Tuy describing the wooden door of the Cathedral», ao que Trend suma un paralelismo das arquivoltas do templo coa música de Scarlatti.
Así, con esta intrahistoria moi descoñecida da música galega e das beiras miñotas, convidamos ao compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas a ser artista residente de Música no Claustro 24. Un proxecto que el expande e comparte co contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz, faciana coñecida do festival. Esta residencia artística, que finaliza o martes 6 de agosto co concerto no claustro medieval, dialoga cunha conferencia de Rosa Sánchez e Pablo Carpintero sobre as súas investigacións das gaitas de fol na provincia de Pontevedra no marco do foro profesional de instrumentos musicais Resonancias, e por último cunha estancia de investigación da musicóloga Eva Moreda, galega de nacemento e británica de adopción, que explora a experiencia do son e da música en Galicia dos viaxeiros británicos nun intercambio académico coa Universidade de Glasgow.
A entrada aos concertos de Música no Claustro é de libre acceso grazas ao apoio e compromiso do Concello de Tui, a Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e a benvida nesta 18 edición á Deputación de Pontevedra, coa ilusión de que Música no Claustro sexa unha primeira toma de contacto sobre a que seguir construíndo neste espazo, un dos principais monumentos da provincia de Pontevedra.
RELACIÓNS SIMBIÓTICAS
En paralelo, son esenciais os acordos con outros entes, públicos ou privados, cos que construímos de forma conxunta, a modo de sinerxía ou relación simbiótica. E grazas a Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes AIE recibimos en Música no Claustro os concertos de flamenco, jazz e música clásica da cantaora andaluza Laura Marchal, o venres 2 de agosto, o Tana Santana Quintet o domingo 4 de agosto, e o Moser String Quartet o mércores 7 de agosto, cuarteto de corda con sede en Suíza que interpretará o Cuarteto modal da compositora asturiana María Teresa Prieto e co que pechamos esta 18 edición do festival.
Igualmente, da man da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia, Música no Claustro acolle o cuarto foro profesional de instrumentos musicais Resonancias, cun programa que convoca aos eventos vencellados aos instrumentos musicais para a realización dunha ampla mesa redonda participativa moderada polo xestor cultural Sergio Lago (Ben Curiosa), co-director do posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC, e un showroom de instrumentos musicais no que intérpretes musicais poidan coñecer as novidades ou instrumentos máis representativos dos obradoiros galegos. A estas actividades colectivas súmanse as presentacións das investigacións de Rosa Sánchez, Pablo Carpintero e Eva Moreda anteriormente mencionadas, así como o achegamento ao ngoni e ao balafón, dous instrumentos tradicionais da cultura griot, con Madou Kouyaté e Fodé Lassana Diabaté, integrantes do Trio da Kali.
Continuando co papel da artesanía en Música no Claustro, este ano tamén temos a ledicia de integrar no festival tres obradoiros de Artesanía en familia, impulsados polo Concello de Tui a través do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade. O luns 5 con Sandra Betanzos, do obradoiro Amor ó teu, as familias participantes aprenderán a estampar de forma artesanal creando os seus propios selos con motivos atlánticos. O martes 6, O Reberete guiará a construción dunha pandeireta a partir dunha peneira, un xeito doméstico e tradicional de transformar un elemento identitario da cultura rural galega nun instrumento musical. E o mércores 7, coa tudense Uxía Diz, as familias poderán dar os seus primeiros pasos musicais no toque da pandeireta. Estes obradoiros nos ofrecen un tempo de convivencia en familia e tempo de lecer conxunto no que están presentes valores da artesanía como o feito a man, a reciclaxe ou a creatividade.
O LEGADO DE MÚSICA NO CLAUSTRO
Música, patrimonio e creación, tres liñas de programación, tres liñas de costa atlántica que recetemente virón a publicación do disco Ecos de Breogán (Poliédrica 2023) da oboísta Iria Folgado, artista residente de Música no Claustro entre 2021 e 2023. Un proxecto presentado na Torre de Hércules e na Konzerthaus de Berlín que foi beneficiario das axudas á creación do INJUVE en paralelo ao recoñecemento do Talento Mozo da Xunta de Galicia a Folgado en 2023.
Un legado material e inmaterial con xénese Música no Claustro, ao que se suman os vídeos dos concertos e conferencias publicadas na canle de youtube e no podcast Resonancias, así como o Arquivo verde do festival, proxectos que conforman o Plan de Modernización e Dixitalización Música no Claustro 2021-2026. Creacións dixitais que en 2021 nos achegaron á serie de concertos Early Music of the Americas, producida por GEMAS de Nova Iorque, coa produción audiovisual Huehuetenango. Music from an interrupted book de Jonatan Alvarado e Ariel Abramovich, un concerto que a finais de 2024 tomará forma de traballo discográfico.
Convidamos a celebrar de forma conxunta a maioría de idade de Música no Claustro. Gozar dos encontros persoais, aprender coas persoas que nos visitan, acoller coma nos gusta ser acollidos, e sobre todo, ouvir, ouvir as músicas que habitan a nosa Catedral Atlántica
Samuel Diz
23 de xullo de 2024