Presentación de Música no Claustro 24

Institucións públicas e organización do festival Música no Claustro: na primeira fila, de esquerda a dereita, Nava Castro, Enrique Cabaleiro, Samuel Diz, Elena Fabeiro e Ramón Pereiro. Fotografía ©Gore Vázquez.


MÚSICA NO CLAUSTRO CELEBRA A SÚA EDICIÓN 18 BAIXO O LEMA CATEDRAL ATLÁNTICA, DO 1 AO 7 DE AGOSTO

Música no Claustro presenta a súa 18 edición con sete concertos de entrada libre no claustro medieval da Catedral de Tui, ás 21h, con formacións musicais como o Trio da Kali (Mali), o Moser String Quartet (Suiza), a cantora Lula Pena (Portugal), ou as propostas galegas de Faia e de Pedro Lamas, que dialogan con outras comunidades do estado español, como Laura Marchal de Andalucía ou o Tana Santana Quinteto, grupo de jazz que chega ao festival co apoio de AIE e que tende unha ponte entre Galicia e as Illas Canarias. Ramón Pereiro, secretario territorial da Xunta de Galicia na Provincia de Pontevedra, agradeceu «o empeño e paixón da organización do festival» e felicitou a maioría de idade do proxecto recoñecéndoo como «un caso de éxito e un referente dentro do seu sector, onde grazas ao clima de confianza e prestixio que xera atrae artistas dende Suíza ata Mali. Porque máis alá dos festivais máis comerciais, tamén hai cabida para este tipo de músicas e eventos».

O 6 de agosto, o festival convoca a cuarta edición de Resonancias®, foro profesional de instrumentos musicais que nesta ocasión convoca aos eventos vinculados aos instrumentos musicais co obxectivo de realizar un mapeado e favorecer as colaboracións nun ecosistema cultural. Elena Fabeiro, xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta de Galicia, recoñeceu que Música no Claustro é «un proxecto redondo, a nivel organización e programación» e salientou tamén o seu «carácter interdisciplinario e xerador de sinerxías», lembrando a relación que Resonancias tendeu entre os artesáns e o CIS Madeira da Axencia Galega da Industria Forestal na pasada edición, na investigación das características acústicas da madeira e o seu programa FORTRA de trazabilidade da madeira.

Música no Claustro recupera o texto "Music in Spanish Galicia" publicado polo británico J.B. Trend na revista "Músic & Letters" no ano 1924, primeiro estudo e texto divulgativo da música galega para un público anglosaxón. Unha publicación que naceu da viaxe que Trend realizara dous anos antes por Galicia, viaxe da que agora descubrimos a súa estancia en Tui grazas a unha carta inédita conservada na Universidade de Cambridge e que serve de fío condutor as residencias artísticas no festival do compositor e intérprete Pedro Lamas, así como da musicóloga Eva Moreda, catedrática de musicoloxía da Universidade de Glasgow. Nava Castro, deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, celebrou que a institución entrase finalmente a «formar parte deste evento que axuda a posicionar o destino Rías Baixas», non só apoiando a grandes festivais e concertos multitudinarios, senón tamén «a concertos que merecen a pena que pasen en espazos coma este, o claustro da Catedral de Tui», agradecendo especialmente «o papel da Igrexa que é quen de deixar o espazo para facer algo tan íntimo e singular coma este festival».

O concertista e investigador Samuel Diz, impulsor e director artístico do festival, lembrou os valores e criterios de Música no Claustro, e presentou o programa detallado de concertos e actividades no que a música, o patrimonio e creación perfilan as tres liñas de costa desta décimo oitava edición que convida a «reflexionar sobre a influencia e o papel desta Catedral Atlántica» e agradeceu o compromiso das institucións no seu apoio xunto a unha emotiva mención ao equipo, en especial «as persoas máis novas que naceron e creceron en paralelo ao festival, persas que senten que Música no Claustro lles pertence».

Como peche, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, salientou «o compromiso e traballo que Samuel ten con este certame, conscientes que 18 anos de promoción de cultura no é doado» e agradeceu a renovación no compromiso das institucións presentes, celebrando a incorporación da Deputación de Pontevedra. Igualmente, salientou a suma do Ministerio de Igualdade, a través do plan Corresponsables, na organización de tres obradoiros de Artesanía en Familia entre o 5 e 7 de agosto, actividade que permitie «tocar temas de inclusión e conciliación no festival a través da artesanía». Para rematar convidou a «desfrutar do evento», lembrando que «a cultura é un elemento de dinamización social, económica e de posta en valor do noso patrimonio como é o claustro medieval da Catedral de Tui».